Páxinas

Buscar neste blog

venres, 26 de xuño de 2015

25 ANIVERSARIO E TRACA FINAL

BAROUTA PÚXOSE GUAPA

Como sabedes, este curso estivemos de aniversario. Hai 25 anos que se inaugurou o colexio de Barouta, aló no curso 1989-90. Ao longo do ano organizamos cousas diferentes para celebralo, mais agora vén a traca final: pintamos o muro do cole, por fóra, e tamén as columnas da entrada.Gústanos moito como quedou. Nisto participou moito profesorado, os nenos e nenas, algunha familia... está representada toda a Comunidade Educativa.
                                Grazas a todos e a todas pola implicación! 

 
Debuxos 25 anos from 2TERE

aula barouta 

venres, 19 de xuño de 2015

DE EXCURSIÓN

COÑECENDO A PENÍNSULA DO BARBANZA


O martes 16 de xuño de 2015, o grupo de 5º acompañado da titora e da profesora de A.L., fomos de excursión toda a xornada pola Península do Barbanza.
Saímos do colexio a primeira hora cara a Noia facendo a primeira parada na Ponte Nafonso para ver a construción medieval sobre o río Tambre e observar a vexetación do lugar.
Seguimos ata chegar ao Museo do Mar, no casco vello da vila de Noia. Félix, recibiunos e contounos moitas cousas dos inventores de motor que houbo nesa terra, curiosidades sobre animais mariños, fósiles e, sobre todo, quedounos claro que a el lle gusta o mar e que lle encantaría volver á Arxentina, pero connosco.
A continuación, fixemos un percorrido polo casco vello da vila. Descansamos e repuxemos forzas na Praza do Tapal (antiga fortaleza na muralla) e recoñecemos o románico e gótico da igrexa de San Martiño. Aprendemos a diferenciar cantería e cachotería. Vimos o Pazo Dacosta cos seus catro arcos oxivais, seguimos ata o Curro onde está o Teatro Coliseo, o Antigo Hospital e mailo Pazo do Forno do Rato. Rematamos a mañá na igrexa de Santa María A Nova, co seu enorme rosetón, a capela con teito en forma de vieira, as laudas e o seu cemiterio.
Xantamos en Xuño, preto das lagoas. Puxémonos en traxe de baño e visitamos só a lagoa de Xuño, vimos a duna que a pechaba e a vexetación que cubre parte da auga. Arrolamos pola area e, por fin, chegamos ao mar aberto para refrescarnos. Que ondas grandes!, que friaxe!, que divertido!, que perigo! Pero estivemos xenial xogando na beira agardando polas ondas.
Para facer unha inmersión na Prehistoria, visitamos o Dolmen de Axeitos. Que grande é! Non nos podiamos imaxinar o tamaño cando falamos del na clase. Como nos prestou velo, tocalo, sentirnos trogloditas en certa medida. Foi unha experiencia nova e ben creativa na que todos participamos.
Merenda e parada en Baroña para mercar o xeado e despedir o día, o mar... e regresar a Barouta cansos pero emocionados e satisfeitos pola experiencia vivida.
 
 
Excursión polo barbanza from 2TERE

Aula Barouta

sábado, 13 de xuño de 2015

Mais novas

ACHÉGASE O FINAL!



Xa estamos rematando! 
Nunha semana estamos de vacacións e que falta nos fan! Xa rematamos os exames e agora temos máis tempo para volver ao horto e ir pechando o resto de actividades. Aínda nos queda algo importante pero xa vos iremos contando. Hoxe van estas imaxes. Que vos gusten! E mañá festa!




Aula Barouta