Páxinas

Buscar neste blog

xoves, 23 de febreiro de 2017

TEMPO DE ENTROIDO

XA CHEGOU O ENTROIDO A BAROUTA!

Este ano tamén temos o noso meco, igual ca en anos anteriores. O pobre anda un pouco fraquiño, será que lle faltan as filloas e orellas? Ao mellor é iso!
Pero que non se preocupe, que o venres día 24, teremos de todo!
De momento, nós imos facendo os mandadiños que nos vai deixando:
  • o luns, algo de indios
  • o martes, ollos de chinés
  • o mércores, un pano bérber
  • o xoves, un bigote mexicano
  • e... o venres, Festa total!
No cole xa vai habendo ambiente de festa. Mamás, papás, avoas... ide preparando o filloeiro...

Aí van unhas imaxes do ambiente destes días.
Xa sabemos pór o pano coma os "homes libres do deserto".

Aula Barouta

sábado, 18 de febreiro de 2017

MÓVOME POLA PAZ

O DÍA 8 DE FEBREIRO FIXEMOS, POR FIN, A CARREIRA SOLIDARIA

Despois dunha semana agardando, chegou un día solleiro para poder celebrar a carreira. Todo a punto: a meta, o percorrido, o podium... Ás doce comezaron os de infantil e logo, por quendas, fomos saíndo todas as categorías ata chegar aos maiores. O noso percorrido saía do colexio pola pista do monte cara a Seares, logo baixamos cara a San Amaro e, finalmente, pola estrada ata o colexio. Foi potente, a verdade. Custou un pouco pero fixémolo. 
Logo tiñamos premio: mochila con auga, batido, froita, un libro dos Bolechas... e a satisfación de telo feito.
O resto do tempo, descansamos no patio, xogamos, sacamos fotos...
Da nosa clase, Subiu ao podium Rubén. Parabéns!
Seguro que para o ano xa nos sae mellor.


Preparados para a carreira.

Ao remate, menudo mogollón!

Aula Barouta

DE EXCURSIÓN POLOS MUSEOS CIENTÍFICOS

O ALUMNADO DE 4º E 5º DE BAROUTA PASOU O DÍA NA CORUÑA GOZANDO E APRENDENDO XUNTOS

O pasado día 7 fixemos un alto na escola para ir a Coruña de excursión. Saímos ás nove do colexio e cun día agradable, con sol e todo. Iamos con moita ilusión pois tiñamos todo un día para estar xuntos, aprender, investigar, xogar... 
O primeiro, nada máis chegar a Coruña, foi visitar a Domus. Cantas escaleiras para subir! Unha vez dentro, deixamos as mochilas e os gabáns e dispuxémonos a tomar o museo. Iamos en grupo pero cada quen ao seu ritmo. Mirando aquí, xogando acolá, probando no outro lado... Despois dunha hora, baixamos ao auditorio para ver o filme en 3D. Déronnos unhas gafas e sentamos con ansia a ver "Pequenos xigantes". Encantounos! Para moitos, un descubrimento, parecía que estabas alí, vivindo as aventuras do esquío e do rato.
Ao remate, aínda nos quedaron ganas de volver ao museo e seguir probando. Pero os nosos estómagos berraban, achegábase a hora de xantar e despedímonos da Domus para volver noutra ocasión.
Xantamos e logo marchamos para o Parque de Santa Margarida, onde está a Casa das Ciencias. Flipamos no parque infantil! Un columpio con sillón, unha cesta que randeaba, unha pirámide que xiraba moi rápido porque tiñamos enerxía, unha tea de araña xigante que conseguimos subir ao máis alto... Que tempo máis divertido! Fíxosenos curto pero aínda nos agardaba outro museo e queriámolo ver.
Péndulos, incubadora con pitiños a punto de nacer, burbullas de xabón xigantes, a pelota flotante... Moito que ver e aprender!
Finalmente, o planetario, unha sala circular, co teito en forma de cúpula para simular o firmamento. Proxectáronnos unha película dun vampiro vexetariano, simpático pero algo infantil. Para algunhas persoas, algo decepcionante.
Merenda rápida para regresar ao cole a tempo.
Foi bonito estarmos xuntxs e aprender cousas novas.




Aula Barouta










domingo, 5 de febreiro de 2017

ÚLTIMAS NOVAS

UN OBRADOIRO DE COCIÑA EN INGLÉS 
E OUTRO NO HORTO


Hai uns días, na clase de inglés, organizamos un pequeno obradoiro de cociña. Tratábase de pór en práctica todo o vocabulario que viñamos aprendendo. A profe Elena trouxo as cousas e nós puxemos o interese e o traballo. Foi estupendo e o batido estaba xenial. Aí vai a mostra fotográfica. 




VOLTA AO HORTO ANTES DO TEMPORAL
O mércores día 1, volvemos ao horto, nun descansiño que nos deixou o tempo. Xa era hora de que puxeramos os chícharos, as cebolas, as acelgas, amorodos ...  a ver se estas chuvias que anuncian non afogan as sementes!!!

Aula Barouta